Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar

Guadi Galego: «As cancións de ‘Costuras’ son dez panos que fan un abrigo»

Guadi Galego. CARLOS ABAL

CARLA FILLOY E EVA FUENTES

O sexto disco da artista culmina a súa evolución do folk a un pop de autora con selo propio nun traballo íntimo e alentador

No escenario distópico da pandemia, mentres o universo se derrumba en pedazos, Guadi Galego chega coas súas Costuras para hilvanar as cicatrices do distanciamento obrigado. Como a sal que cura as feridas, a voz da cantante e compositora de Cedeira ao outro lado do teléfono soa para falarnos de dez cancións que supoñen un suspiro nun mundo sen aire.

Que representan as Costuras para Guadi Galego?

A vida está feita de costuras, cosidos, cicatrices, anacos de fincas pegadas… é unha composición de cachiños. As costuras representan tamén o que son eu. No meu disco as costuras son dez cancións que representan dez panos que fan un abrigo.

Costuras supón o cumio da súa evolución do folk a un pop de autora con selo propio. Como foi o camiño de Benzón ata Costuras e cal foi a raíz do cambio?

Benzón (2009) é o meu disco de tránsito. É un disco que ten cinco temas tradicionais e cinco temas de composición. Despois xa me adentrei de cheo nun universo composto polos meus  seguintes discos Lúas de outubro e agosto (2014), O mundo está parado (2016) e A bóla de cristal (2018). Todas as cancións que recollen estes traballos están feitas co mesmo productor e soan a unha especia de pop acústico moi ambiental. Posteriormente mudo directamente ao disco Immersion (2019), ligado conceptualmente polas linguas. Trátase dun traballo que camiña entre o acústico e os tintes electrónicos que comeza a introducir, moi baseado nas cancións. Xa no momento actual, Costuras (2020) é un disco pop con moita identidade, feito por unha autora de aquí co seu xeito de entender e de facer. É unha mestura de música electrónica e orgánica cun son bastante propio. De feito, quixemos buscar un son característico para este disco, e eu creo que non hai moitos máis con este son.

«Quixemos buscar un son característico para Costuras, eu creo que non hai moitos traballos con este son»

A metade do novo disco foi escrito antes de Immersion, mentres que a outra metade xurdiu durante a cuarentena. Existe algún matiz diferencial entre as cancións de antes e durante o confinamento?

A principal diferenza reside na temática. As cancións compostas durante o confinamento, como Mesta Néboa e Liberdade ambigua sairon directamente das xentes, da pandemia, do que simboliza e de que como nos sentiamos e nos viamos. Liberdade ambigua é un cuestionamento básico da liberdade no momento no que estamos e no momento social no que vivimos. Onde está o contrato coa vida que marca os parámetro para poder vivir confinada aquí, nas bateas do Mediterráneo ou en moitos outros sitios? Todo depende de onde te sitúes ti e o que vale a vida xa se sabe que non é o mesmo nun sitio que noutro. 

No confinamento tamén xurdiron temas tan optimistas como O que ha chegar, unha canción baseada na resiliencia, no que imos aprender de todo isto. A beleza e os soños seguen aí e tamén e importante extraer as cousas boas de todo isto. Eu penso que hai de todo. Na pandemia creo que todo o mundo pasou por estes estados, aplaudimos, bailamos, fixemos, dixemos… un pouco de todo.

Neste sentido, como foi o proceso de composición durante o confinamento no que respecta á inspiración e á conciliación no fogar?

Con sacrificio. A inspiración é algo que existe, que vives con ela. Eu podo estar cociñando e de repente virme unha idea que podo apuntar ou gravar nunha nota de voz, pero despois ou séntaste ou nada. E hai que atopar as horas de sentarse. Mentras o meu fillo e filla vían unha peli eu ía un momento ao estudo, por exemplo. Foi así. Conciliar e traballar son cousas que considero que facemos tan ben…

Tres das pezas que compoñen Costuras contan coa colaboración de Marina Oural, Antía Otero e Paula Grande. Colleulle o gusto, despois de Immersion, a incluir a participación doutros artistas nas súas cancións?

A colaboración de cantante é a de Paula Grande, unha amiga catalana coa que vivín estreitamente este proceso e coa que me apetecía que cantara conmigo. O das poetas case foi unha sorte. O poema de Antía Otero, que eu coñecía do seu fermoso libro O cuarto das abellas, tiña un engranaxe directo con eses Zocos meus, encantoume e decidín metelo. O tema de Marina Oural era unha letra para o peche do disco, pero ao final decidín que como xa había algo recitado podía incluir outro anaco máis. Convenceume moito a verdade.

No disco hai cancións moi íntimas e persoais como Só con amor, na que participan os seus fillos e o seu sobriño, ou Cólico, na que fala dende a súa propia experiencia coa dor. Hai algunha canción que lle resulte máis especial sobre o resto?

Si. Nunca digo isto, é o primeiro disco no que realmente hai un tema que me resulta máis especial que o resto. Para min o tema do disco é Zocos, porque fala dunha historia propia, de como se desenvolve, ten un cheiro popular e remata cun anaco dun poema que eu adoro.

Costuras estase a vender en tendas de artesanía, ademais de nos grandes centros comerciais. É a creación dun disco un proceso artesanal?

É un proceso que vai da man do artesanal, é un traballo moi fino. Nos tempos que corren, para unha artista coma min, que non ten detrás unha multinacional senón que ten unha discográfica independente, eu podo dicir que si. 

Como foi o proceso artístico para idear a portada deseñada por Ricardo de Barreiro? Cales foron as inspiracións e por que se lle deu a forma de rasca?

A forma de rasca ten a súa razón no sentido de implicar ao público no xogo para que constrúa con nós ese traballo físico, xa que é certo que ese formato custa moito vendelo. Sabemos perfectamente que agora mesmo case ninguén ten un reproductor na casa, pois agora a xente consome dixital, pero si que lles gusta ter o traballo físico por diversas razóns, ben por como se fai ou porque lle atrae algo deste formato. Eu encargueime de falar con Ricardo para que el os implicara a nesa portada, e través da miña música fixo ese collage que persoalmente me parece adorable e que nos está a dar moitísimas sorpresas. Cada persoa vai construindo a súa propia portada, hai xente que o empeza manipulando e lle queda dunha maneira, xente que rasca todo… É moi divertido, estámolo pasando ben con Costuras.

«Estou apostando para que o play sexa un palco para a música»

O disco mercado en prevenda estaba adicado persoalmente. Como é a relación co público en tempos de pandemia?

Dura. Practicamente todo é online e tes que chegar a eles de xeitos moi distintos. Eu estou apostando por que outro palco para a música sexa ese play que se lle pide á xente, que palpen o disco, que o escoiten moito, que o aprendan ben e que estean preparados para escoitar os directos e dalo todo con nós. Eu teño moita ilusión de voltar aos directos pronto.

Comeza a ensaiar o directo de Costuras mais a despedida da xira de Immersion programada en Narón aínda non se realizou, xa que tivo que ser adiada. Como leva esta situación na que a cancelación de concertos está a orde do día? 

Mal, lévoa fatal, pero é o que hai. É como levar a máscara ou que pechen o bar do teu barrio, entre outras moitas cousas que levamos mal pero que están aí. Como non temos a chave do éxito para solucionar isto nin nada polo estilo é unha situación complicada e moi delicada. Espero poder despedir o noso Immersion como se merece e dicirlle á xente que imos dalo absolutamente con Costuras. Imos montar o espectáculo e esperamos poder facelo chegar a múltiples lugares nos que se nos deixe tocalo. 

Dixo que a xira de Immersion é unha das experiencias máis extrañas da súa vida e por outra banda unha das máis emocionantes. 

Moi emocionante pero extraña. Ir  facer un concerto con todo o mundo enmascarado e sen poderse mover dunha cadeira é moi duro, pero por outra banda foi tanto o que a xente nos deu nesta xira que estamos moi felices.

Durante o primeiro confinamento a cultura foi posta en valor pola sociedade, pois os cidadáns refuxiábanse na música e nas diversas vertentes artísticas ante a incertidume do desenvolvemento da pandemia. Con todo, á hora da verdade as axudas a este sector están tardando en chegar e requiren unha condicións moi específicas. Realmente a cultura está sendo valorada polas institucións?

Creo que as institucións tomaron conciencia de que a cultura é necesaria, pero eso non significa que as medidas fosen as adecuadas. Penso que si se toma conciencia de que é un sector que produce moito neste país e que ademais é necesario para o funcionamento da sociedade como tal. Respecto ás medidas, fixéronse intentos entre a primeira vaga e a segunda porque se podía programar fóra e os concellos un pouco máis grandes e ousados animáronse a contratar artistas, pero a día de hoxe queda moito que facer. Falta darlle forma a como se quere vivir a cultura, que é o que queremos facer con ela, como a queremos poñer en valor, o que significa para a sociedade… e as institucións teñen que estar aí, claro.

«A palabra liberdade ten un significado que depende do sitio no que a vives»

Que leccións se poden extraer desta situación?

Eu non son moito de leccións, creo que ao final cada un ten as súas. Eu dinme conta de que a palabra liberdade ten un significado que depende do sitio no que a vives, para unhas persoas é dun xeito e para outras doutro. Estamos no primeiro mundo e non imos morrer de fame, pero si pode morrer de miseria e vivir con ela, que é moi duro. A vida hai que vivila un pouco en presente, o presente ten que ser continuo e traballar para que o futuro siga sendo o presente.

Anuncio publicitario

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: