Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar

Elevado nivel de incidencia do Coronavirus na oferta cultural galega

Exposicións, viñetas, performances… non son poucas as iniciativas que xorden baixo o paraugas da pandemia para xerar memoria, promover conciencia social e, tamén, plantarlle cara

A cultura, que tamén é o sector que máis está sufrindo as consecuencias do Coronavirus, converte o seu mal en protagonista, como reivindicación e protesta, con crítica, como retrato dunha época que, aínda sen merecelo, debe ser lembrada.

Eses ‘titiriteiros’, segundo os cualifica certo sector da poboación, foron, para moitas e moitos, os salvavidas que lle permitiron manterse a flote durante un confinamento no que o nivel do auga non paraba de subir e as forzas para seguir nadando eran cada vez máis febles.

Durante os peores meses de pandemia acostumamos a ver concertos na rede como as foliadas que Susana Seivane ofrecía desde o seu balcón. Tamén a arte fíxose notar coa creación do Covid Art Museum, unha galería aberta a tódolos internautas que quixeran evadirse dunha realidade cada vez máis surrealista: “durante o período do confinamento, o público requiría contidos nas redes e a nós se nos pedía estar nas redes, xerar contidos, pero sen ningún tipo de beneficio ou intercambio” afirma a cantante e performer Constance Hurlé.

E a cultura seguiu combatendo a pandemia. Sen desinfectantes e EPIs. Facendo o que mellor sabían facer, que é crear. O Coronavirus converteuse en protagonista de xornadas, como os Diálogos Confinados que organizou o Consello da Cultura Galega; de conversas, como os Mira unha cousiña que mantiñan as Tanxugueiras a través das súas redes con outras e outros artistas; de cancións, como a Muiñeira Covid de Sabela Galbán Rodríguez. O Coronavirus, como bo vilán que se prece, pasou a ter o seu protagonismo na historia.

O retrato do SARS-CoV-2 (ou dos seus inimigos)
Fotografía de Miguel Riopa

O mundo do xornalismo nas súas orixes e na época do seu primeiro desenvolvemento, foi o mundo da literatura, como nos recorda José Acosta Montoro. E ese vínculo entre xornalismo e arte, faise tamén patente na fotografía. Nesa imaxe que, como se adoita dicir, vale máis que mil palabras.

O Estado de Alarma obrigounos a permanecer confinados e a contemplar as rúas valeiras desde as nosas ventás; intensificou o traballo de persoas voluntarias en Protección Civil e supermercados, e levou ao colapso o noso sistema sanitario case público, poñendo ao límite a enfermeiras, médicas, auxiliares e coidadoras. Estampas gravadas na nosa memoria que, mediante a fotografía, tamén quedan gravadas no papel.

Galicia en vilo recolle boa parte desas instantáneas. Quizabes non se retrata ao Coronavirus, pero si as súas consecuencias e, sobre todo, a quen as combate.

 Fotoxornalistas expoñen o seu traballo na sede da Afundación da cidade herculina coa finalidade fundamental de informar, segundo apunta o fotoxornalista Miguel Riopa, coordinador da mostra: “aínda que sexa triste recoñecelo, e duro ver imaxes crudas, ás veces é a única forma de que as mentes se abran e que realmente se dean conta de que é o que estamos a sufrir” porque “de saberse cales son as consecuencias deste virus, se miraramos como o están pasando os pacientes de hospitais, seguramente a xente tería pensado moitas das cousas que despois fixeron”.

«De saberse cales son as consecuencias deste virus, se miraramos como o están pasando os pacientes de hospitais, segurante a xente tería pensado moitas cousas que despois fixeron»

Miguel Riopa

Trátase dunha exposición fotográfica que “reivindica a imaxe xornalística como fotodenuncia sobre o que está a suceder” e na que, pese a primar o valor compoñente informativo en tódalas imaxes, tamén “ao igual que un escritor ten a súa forma de escribir e a súa forma de redactar, os xornalistas tamén temos a nosa forma particular de retratar esa realidade”, “valor da imaxe informativa e o valor da forma de mirar do profesional”.

Unhas imaxes crudas que retratan “enfermos, persoas en residencias e enfermos nas UCIs”, que “rexistran un momento da historia” e que dialogan con outras instantáneas de fotógrafos amateurs que fixeron chegar á Afundación os retratos desde a súa ventá: Primavera tras la ventana. Outra visión desa realidade desde o interior dos fogares nos que tivemos que permanecer confinados durante tres meses. E esa convivencia entre as dúas mostras xera un diálogo, segundo Miguel Riopa “unha é unha visión íntima do que sucedeu no seu entorno, e a outra busca chamar, contar e informar sobre o que se estaba a vivir no exterior”.

Precisamente, esa dualidade faise manifesta na propia disposición da mostra: Primavera tras la ventana, esas realidades desde o ámbito doméstico, atópase dentro da sede da Afundación; e Galicia en vilo, na rúa, de maneira que, segundo Miguel Riopa “a xente viuse case obrigada a vela”.

Galicia en vilo nas rúas da Coruña

Galicia en vilo non é única na súa especie. Hai uns meses, en Pontevedra, tamén se fixo memoria. Tamén se sacou esa memoria á rúa. 60 días de alarma, do fotoxornalista Ramón Leiro. Un proxecto persoal a través do que foi documentando a vida da cidade do Lérez durante os meses nos que se decretou o confinamento domiciliario.

Segundo Ramón Leiro trátase dun “traballo coral no que se tocan tódolos paus: a desinfección de residencias, o traslado de pacientes ás casas, os enterros, o traballo nas UCIs e tamén as rúas baleiras”. Fala de experiencias gratificantes e duras neste traballo de documentación, entre os horrores: “cando puiden documentar os enterros de principio da pandemia ós que só podían ir tres familiares e que eran escenas bastante duras nas que nin se choraba, había un silencio absoluto”.

Ambos traballos xeran memoria, e ambos profesionais denuncian silencio obrigado. “Houbo un intento para que, nas situacións clave ou máis duras, nos costara chegar a fotografalas” indica Ramón Leiro, algo co que comulga Miguel Riopa e sentencia rotundamente que “o ocultismo absoluto sobre o que estaba pasando e, hoxe en día, sobre o que aínda segue pasando é total”.

«O ocultismo absoluto sobre o que estaba pasando e, hoxe en día, sobre o que aínda segue pasando é total»

Miguel Riopa
A caricatura do SARS-CoV-2 (ou de quen a padece)

Se algo caracteriza ás xentes de Galicia é a retranca. Ese humor negro do que ninguén nin nada pode escapar. E o Coronavirus non ía ser menos.

Luis Davila, ‘O Bichero’ é todo un profesional da comedia a través do debuxo: “desde cativo sempre me recordo cun lapis ‘emborranchando’ papeis e debuxando”. Sempre lle gustou “a vertente crítica e ácida das cousas, buscando a reflexión e a denuncia” e reivindicando a idiosincrasia dos galegos.

A súa profesión, actualmente, limítase a mofarse do Coronavirus e facernos reflexionar. Asegura que facer humor en tempos nos que impera a tristeza é “motivador ter a posibilidade de comunicar e tratar de arrincar un sorriso neste momento no que a xente o demande e o precisa”.

El tamén retrata ao Coronavirus, pero a través da caricatura, a través da sátira. O confinamento supuxo “un cambio de hábitos e costumes” e el aproveitouno porque: “a realidade era tan rápida que a min permitiume, ás veces, facer dúas ou tres viñetas cada día de cousas que estaban pasando”.

«A realidade era tan rápida que a min permitiume, ás veces, facer dúas ou tres viñetas cada día de cousas que estaban pasando»

Luis Davila
O toque de queda marca o ritmo tamén da escena

O metrónomo adoitaba ser o que marcaba o tempo ou a velocidade das melodías, do mesmo xeito que o reloxo estruturaba o día en horas, minutos e segundos. Isto xa non é así. Agora todo está marcado pola Covid. Tamén a escena.

Lara Hierro: monólogo para o corpo en movemento (Constance Hurlé á esquerda e Clara Ferrao á dereita)

Xa a prestixiosa compañía catalana, La Fura dels Baus seguiu o ritmo que lle marcaba a Nova Normalidade na súa última produción. Constance Hurlé tamén se deixou levar por ese ritmo acelerado, envolvente, ás veces angustiante pero, de tódolos xeitos, ineludible.

Lara Hierro: monólogo para o corpo en movemento, é o nome da peza coa que Constance se manifesta contra o abandono das industrias culturais por parte das institucións: “esta peza xurdiu do sentimento de desazón e abandono que tiñamos todas, non só eu, tamén as miñas compañeiras de escena” para “reivindicar que se nos teña en conta” e “promover a conciencia social, porque ao final a sociedade e o Estado somos todas, e se os gobernos non reaccionaron, tamén é porque a sociedade non reacciona”.

«A sociedade e o Estado somos todas, e se os gobernos non reaccionaron, tamén é porque a sociedade non reacciona»

Constance Hurlé

A través da danza, Constance Hurlé con Clara Ferrao, e baixo a atmosfera sonora de Rui Grenha reivindican a presenza do sector cultural e materializan esa agonía: “a danza é a ferramenta para transmitir esas emocións, que son comúns a tódalas persoas. Ese sentimento de estar atrapado, a través do físico podémolo manifestar dun xeito moito máis evidente”. Un discurso reivindicativo co que, algunhas das poucas persoas que puideron presenciar a posta en escena -precisamente polas limitacións derivadas da pandemia-, sentíronse increpadas “como se a peza lles estivese reclamando ao público, á sociedade a falta de reacción ou de apoio ao sector”.

Voces que xeran memoria pero non aerosois

A imaxe dunha sociedade, dunha época, complétase co testemuño desa sociedade. É preciso contextualizar unha instantánea para que realmente sexa o retrato exacto desa realidade que se busca amosar. E niso traballa a Fundación Luís Seoane.

En 1954 o escritor, xornalista e artista multidisciplinar puña en marcha Galicia Emigrante desde o seu exilio en Buenos Aires: unha revista mensual que tamén foi programa de radio e que incluso é considerada unha das mellores audicións radiais da emigración galega.

Agora, con esa mesma vontade de recoller a voz dos e das galegas espalladas por todo o mundo, a Fundación recolle Testemuñas no tempo. Baixo a dirección de Alejandro Pan, este  podcast recompila os testemuños de emigrantes galegos durante o período de confinamento a consecuencia da pandemia do Coronavirus.

https://platform.twitter.com/widgets.js

Segundo o seu director busca “coñecer persoas, galegos de primeira ou segunda xeración que están noutros países para que nos digan como estaban vivindo a situación da pandemia” e “saber como recibían a información de España” neses países.

 As emisións, estruturadas en tres bloques -de caracterización do entrevistado, as vivencias da pandemia e reflexións sobre as súas consecuencias-, amosan “certa homoxeneidade na percepción das persoas” no sentido de que “estabamos a facer algo mal”, que temos unha sociedade que, neste período complicado, amosou a súa “fraxilidade” e que é “o momento de mudar cousas”.

Porque a cultura, que tamén é o sector que máis está sufrindo as consecuencias do Coronavirus, converte o seu mal en protagonista, como reivindicación e protesta, con crítica, como retrato dunha época que, aínda sen merecelo, debe ser lembrada. Todas estas son iniciativas que pretenden xerar conciencia, xerar empatía e xerar memoria para que non nos esquezamos da pandemia tan rápido como o fixemos da cultura

Anuncio publicitario

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: