Premios Cineuropa 2020

Este 2020 Cineuropa recoñece a tres artistas referentes do panorama audiovisual galego: Javier Gutiérrez, Margarita Ledo Andión e Alfonso Zarauza

Como cada mes de novembro dende hai tres décadas, é o tempo de Cineuropa na cidade de Compostela. A gran pantalla iluminarase ata o 22 de novembro coa trixésimo cuarta edición do festival. Dende as butacas do Teatro Principal, o Salón Teatro, a sala Numax e o Auditorio de Galicia poderán verse un total de 95 filmes, pechando o festival coa proxección de Ons, de Alfonso Zarauza, un dos galardoados nesta edición xunto con Margarita Ledo e Javier Gutiérrez.

A pesar das dificultades que está a sufrir o sector cultural, a pandemia non freou o festival, o cal mantén o seu formato presencial. “Manter Cineuropa neste novembro hostil era unha necesidade imperiosa. Considerabamos esencial que Cineuropa manteña iluminada a súa pantalla cando tantas luces se apagan”, sinala a dirección do festival, o cal segue adiante cun aforo reducido e buscando “reivindicar a capacidade da ilusión e da evasión”.

Os filmes

Aínda que a pandemia obrigou a reestruturar a cita, o que se mantén é a calidade e poderanse ver filmes premiados e moi ben recibidos pola crítica nos festivais de Berlín, Róterdam, Venecia, San Sebastián ou Sitges. “Temos máis primicias e exclusivas a nivel nacional que ningún ano”, afirmou o director do festival, José Luis Losa. Entre elas, Narciso em férias, un encontro de 90 minutos con Caetano Veloso no que relata a súa experiencia carceraria durante a ditadura; ou Tengo miedo, torero, unha adaptación do universo LGTBI do escritor chileno Pedro Lemebel. Entre os títulos premiados que se proxectarán tamén se encontran a xeorxiana Beginning, que acaparou todo o palmarés en San Sebastián.

Nos 17 días que durará o festival -entre o 6 e 22 de novembro- será posible dar a volta ao mundo da man dos filmes de grandes nomes do cine europeo e internacional, como Andrei Smirnov, Andrei Konchalovski, Thomas Vinterberg, Phyllida Lloyd, Isabel Coixet, Cristi Puiu, Christian Petzold ou Fernando Trueba. Non faltará tampouco o cine asiático co máis recente de Kiyoshi Kurosawa, Tetsuya Nakashima, Joko Anwar ou Hong Sanz-Soo, así como o latinoamericano, que chega da man de títulos dirixidos por Michel Franco, María Clara Escobar, Natalia Meta, Martin Kraut ou Arturo Ripstein, este último con El diablo entre las piernas, que obtivo o galardón á mellor dirección no Festival de Málaga. Hai películas de 38 nacionalidades representadas nesta edición do festival compostelán, entre elas, procedentes de Indonesia, Costa de Marfil, Corea del Sur, Xapón, Xeorxia, China, México, Chile, Brasil, Irán, Palestina…, sen esquecerse de Galicia. 

Os títulos galegos conforman el 11 % da programación deseñada. Ademais dos premiados Margarita Ledo e Alfonso Zarauza, intervirán no festival  Sonia Méndez, Marcos Nine, Lara Alonso, Pablo Vázquez, Noelia Muiño, Marta Valverde, Ángel Filgueira, Gonzalo E. Veloso e Pablo Fontenla, que participarán en varias actividades paralelas, ben de xeito presencial ou ben a través de streaming: encontros co público, mesas de debate ou presentacións.

Ademais, debido á cancelación ou adaptación de grandes festivais como Cannes e o retiro case total do circuíto de filmes de Hollywood, “máis que nunca o cine de autor é importante para manter o público nas salas e os festivais cumpren unha función importante á hora de manter vertebrada a cultura”, afirmou Losa.

Tres galardoados

E entre as actividades que continúan está a entrega dos Premios Cineuropa, os cales recoñeceran a tres galegos e galegas que marcaron unha parte da historia do cinema do país nas últimas décadas. Dende a dirección, con Margarita Ledo ou Alfonso Zarauza ou ben dende a interpretación, con Javier Gutiérrez.

A primeira das homenaxes nesta edición de eminente sabor galego celebrase o 14 de novembro para celebrar a traxectoria do actor ferrolán Javier Gutiérrez -que xa conta con dous premios Goya, por La isla mínima e El Autor-.  El Olivo, será o filme que poña o broche de ouro ao evento.

No día 18 será galardoada polo seu traballo Margarita Ledo, cineasta militante da loita pola memoria e o rol feminino. A directora inaugurou Cineuropa no ano 2007 con Liste, pronunciado Lister, e este ano presentará a súa nova obra Nación

Por último, o director e guionista Alfonso Zarauza autor de filmes como A noite que deixou de chover, que inaugurou Cineuropa en 2008, Encallados ou A viaxe dos Chévere. Zarauza recibirá a distinción na xornada de clausura do Festival, que coincide coa estrea do seu filme Ons.

Deja un comentario

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar