Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar

Javier Teniente: “Foron 8 anos de moitas viaxes e documentándome moito para atopar os últimos grandes pescadores”

A exposición Fillos do océano do fotógrafo vigués estará na sala municipal de exposicións de Tui (edificio Francisco Sánchez. Área Panorámica. Rúa Colón, 2) ata o 6 de decembro.  

Fillos do océano é unha exposición que ule a mar e na que resoan o eco das gaivotas. Un recompilatorio de fotografías nas que o vigués Javier Teniente presenta a forma de vida das poboacións que aínda subsisten grazas á pesca artesanal en países como a India, Senegal, Vietnam, Sri Lanka ou mesmo Galicia. Un proxecto de documentación da pesca artesanal para a que percorreu medio mundo.

Unha homenaxe ás comunidades de todo o mundo que fan da pesca artesanal o seu medio de supervivencia, e que chega á cidade de Tui a través da colaboración entre o Concello de Tui, Abanca e Afundación, ata o 6 de decembro.

«Nalgunhas das viaxes volvín sen acadar os obxectivos como foi no caso dos pescadores nómades de Birmania, que non puiden atopalos»

Javier Teniente

Asegura o seu autor que non foi unha tarefa doada “nalgunhas das viaxes volvín sen acadar os obxectivos coma foi no caso dos pescadores nómades de Birmania, que non puiden atopalos” explicaba Javier Teniente hai uns anos, cando presentou o proxecto. E pese a ser técnicas de pesca moi diferentes as que se empregan en diversos países, sempre hai un oco para a casualidade, e no seu aso atopouse coa sorpresa de que na India e nas praias de Redondela, nas que el se criou, empréganse as mesmas artes para pescar.

Pescadores recollendo sardiñas na costa senegalesa de Joal Fadiout. Senegal

Ten vostede un vínculo especial co mar.

Si, a verdade é que na miña familia hai moita tradición. Xa o meu avó percorría os mares do Gran Sol alá a principios do século XX. E toda a miña familia, aínda que non de forma profesional, forxamos un gran vínculo co mar e nos criamos á veira del.

Fillos do océano é un recompilatorio de imaxes ou, máis que imaxes, historias, historias de familias, de pobos que viven da pesca tradicional e con técnicas moi diversas. Narra a caza de baleas en Indonesia, a pesca da lagosta en Panamá… Como foi todo este proceso?

A verdade é que foi un traballo de moitos anos.  Oito anos de traballo, aínda que non continuos, e entre o 2005 e o 2010 dedicándolle moito tempo, moitas viaxes e documentándome moito para atopar estes últimos grandes pescadores que, ademais viven en lugares certamente remotos.

Precisamente por iso manteñen esa forma de vida  tradicional e aínda manteñen, por exemplo, o troco. As súas formas de pesca tradicionais, que xa son as últimas que quedan no planeta, como comentas estes cazadores de baleas que saltan sobre un cachalote de 18 metros con un arpón de bambú cunha punta de ferro. Cousas insólitas neste mundo do século XXI.

As mulleres Vezo camiñan sobre o arrecife de coral durante a baixamar para capturar pulpos e pepinos de mar (pertencentes ós equinodermos como os ourizos de mar). Na imaxe, unha muller sae da auga cun polbo. Andavadoaka, Madagascar. Maio 2009

Repasando as súas imaxes, pódense apreciar dous aspectos comúns en todas elas. Unha é a dureza deste traballo artesanal e outra é unha ledicia manifesta nas persoas que fotografía.

Si, desde logo. Foi algo ademais case común a tódalas comunidades que me atopei. Eu penso que tamén un pouco por ese distanciamento e por esa forma de vida, de non precisar nada máis do que xa teñen.

«Ser felices co pouco, ou moito que teñen. Respiraba como un aroma de non precisar moito máis do que tiñan»

Javier Teniente

Ser felices co pouco, ou moito do que teñen, porque visto desde fora, a min parecíame que era moito o que tiñan. A min me parecía que vivían dunha forma moi feliz. Había cousas que me chamaban moitísimo a atención e que son difíciles de ver e si, certamente se respiraba como un aroma, non sei se de felicidade, pero si de non precisar moito máis do que tiñan.

Tamén hai un espazo crítico nesta mostra, pondo o foco na vulnerabilidade dos ecosistemas mariños e as poboacións que, precisamente, teñen o mar e a pesca como principal medio de supervivencia. Vostede que futuro lle vaticina a estes colectivos?

Claro, esa é a parte tamén de denuncia que ten o traballo. Desgraciadamente os mares están sufrindo o quecemento global e, tamén toda a contaminación está afectando directamente a estas comunidades. Entón o que pretende tamén o traballo é amosar eses últimos espazos, algúns deles que se manteñen aínda virxes ou ao marxe; por exemplo, en Madagascar, unha das grandes barreiras de arrecifes que aínda se manteñen vivas.

«O traballo pretende amosar eses últimos espazos que se manteñen aínda virxes. Amosar ese mundo que, entre todos, debemos coidar»

Javier Teniente

O que pretendo é amosar un pouco ese mundo que, entre todos, debemos coidar con todos eses plásticos que estamos botando ao mar e toda a contaminación que verten as cidades. Cousas que xa todos vamos sabendo, porque a información xa nos chega, pero que temos que concienciarnos pouco a pouco.

Anuncio publicitario

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: