A Biblioteca de Galicia analiza nunha exposición a evolución do tratamento da violencia de xénero na prensa galega

A mostra nútrese dos fondos que custodia o Gaiás e inclúe cabeceiras como ‘El Compostelano’, ‘Vida Gallega’ ou as primeiras series de fotogravado que documentan a violencia de xénero nos xornais a finais do  século XIX

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inauguraron hoxe na Biblioteca de Galicia a mostra Pobre Asunción!: a violencia de xénero na prensa, coa que a Xunta de Galicia repasa a evolución do tratamento da violencia de xénero na historia a partir de parte dos fondos que custodia a Cidade da Cultura, así como a partir de documentos literarios e arquivísticos.

Como explicou Anxo M. Lorenzo, trátase dunha exposición necesaria coa que o Goberno galego reforza o seu compromiso coa sensibilización e visibilización sobre un asunto de tal alcance e relevancia social como este e que é posible “grazas ao gran patrimonio hemerográfico que atesoura a Biblioteca de Galicia que permite realizar unha pequena historia da violencia de xénero a partir do que contan os xornais galegos”, indicou.

Neste sentido, destacou o papel da Biblioteca de Galicia para “recuperar, recoller, e difundir” un amplo abano de materiais xornalísticos, literarios e arquivísticos facendo un repaso desde o século XIII do tratamento da violencia de xénero na prensa. Puxo de manifesto, ademais, a homenaxe a Asunción González, a primeira vítima documentada de violencia de xénero no ano 1891, bautizando a exposición co seu nome.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, pola súa banda, enxalzou o “crucial rol” dos medios de comunicación na consecución da igualdade de xénero e na promoción do papel das mulleres na sociedade, como “transmisores responsables” das noticias. “Son a ferramenta que serve de plataforma para denunciar estas agresións, á vez que son a tribuna dende a que se pode concienciar á sociedade de que esta violencia contra as mulleres é un delito”, engadiu.

O tratamento dos casos de violencia de xénero nos medios debe responder, a criterio da secretaria xeral, á honestidade e á responsabilidade que definen á profesión. “Ofrecer unha información responsable e comprometida é un excelente xeito de combater a violencia de xénero, e apoiar as mulleres que a sofren”, enfatizou.

A exposición, que poderá visitarse ata maio de 2021, está organizada en dez módulos entre os que se repasa, entre outras, a violencia de xénero antes do nacemento da prensa, as primeiras noticias da violencia de xénero, a historia de Asunción González, así como literatura e crónica de sucesos. Tamén se analiza a violencia de xénero en revistas ilustradas e na prensa sensacionalista, así como na prensa actual. Ao longo de cada un dos seus módulos,  os visitantes da exposición poderán ver exemplares de cabeceiras de prensa como El Compostelano, que se publicou en Santiago entre o 1920 e 1946.

Tamén de Vida gallega, impulsada por Jaime Solá en 1909 e que foi a revista ilustrada máis importante de Galicia durante décadas, ou El Pueblo gallego, un dos diarios con maior tirada ata a súa desaparición en 1979. Tamén se inclúen series de fotogravado, as primeiras imaxes que documentan a violencia de xénero na prensa desde finais do SXIX, ata pezas dos nosos días nos que tamén é noticia a crecente sensibilización social ante este problema.  

A exposición Pobre Asunción!: a violencia de xénero na prensa está organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e inclúese entre as actividades levadas a cabo pola Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. Desde a súa inauguración traballa para enriquecer e divulgar os seus fondos, sendo a hemeroteca a súa sección máis ampla. A exposición inaugurada hoxe nútrese de parte dos seus fondos, entre os que tamén se conta cunha colección de cabeceiras de prensa histórica galega.

Publicado por Paula Ferreira Boquete

Estudante de Xornalismo na USC.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea tu sitio web con WordPress.com
Comenzar
A %d blogueros les gusta esto: