‘Veneno’: un retrato máxico, necesario e inolvidable da vida de Cristina Ortiz

“Do que non se fala, non existe. E o que non existe, marxínase”. Sobre esta idea constrúese boa parte da identidade de Veneno. Vida y muerte de un icono trans

En pleno confinamento, nun momento no que parecía que todas as luces estaban apagadas, chegou á plataforma AtresPlayer a serie que máis iluminaría a gran pantalla grazas á estela de Cristina Ortiz Rodríguez, tamén coñecida como La Veneno. Da man dos Javis (Javier Ambrossi e Javier Calvo) podemos coñecer con detalle a traxectoria que vai dende a subida aos ceos desta icona trans ata a súa posterior caída.

Dende a súa primeira aparición en televisión ata a súa morte en estrañas circunstancias no 2016, dixéronse e publicáronse moitos relatos sobre a vida de Cristina Ortiz, pero o certo é que nunca se contaran con tanta sensibilidade e respecto á súa figura. Así pois, Cristina dedicábase á prostitución, unha das poucas saídas ás que por aquel entón se vían abocadas centos de mulleres trans no noso país para poder sobrevivir.

Inspirada no libro da súas memoriasDigo! Ni puta ni santa de Valeria Vegas, Veneno. Vida y muerte de un icono trans, é moito máis que unha serie autobiográfica sobre a vida da muller trans máis famosa de España. A miniserie de oito episodios, debuxa un fiel retrato da España casposa, homófoba e ultracatólica do tardofranquismo que maltrataba e humillaba a todo aquel que non cumpría ou encaixaba en certos estándares. A serie é unha obra de gran madurez que mestura a comedia, a traxedia e a tenrura en doses xustas como para crear un cóctel que, en conxunto, resulta equilibrado e satisfactorio.

A xenialidade estriba en que o tándem de creadores afastouse da estrutura clásica do ‘biopic’ e configurou a narración baixo dúas liñas temporais. Unha estrutura moi efectiva para amosar, a través dos saltos temporais, eses dous momentos dunha vida chea de luces e sombras. A primeira navega polas procelosas augas dos noventa na que coñecemos os inicios da estrela e unha segunda que arranca xusto dez anos despois, en 2006, cando Cristina decide refacer a súa vida en Valencia. Neste punto é no que coñecemos a Valeria, quen por aquel entón era un estudante de xornalismo. Esta personaxe desenvolve un longo percorrido da man de Cristina, o seu mito dende a infancia, para escribir as memorias da estrela e pouco a pouco converterse na muller que tanto anhelaba ser.

Un dos puntos nos que destaca a serie é no acertado elenco de actores que dan vida a Cristina ao largo da súa vida (de menor a maior idade; Jedet, Daniela Santiago e Isabel Torres), ademáis de Paca la Piraña, coñecida como a gran amiga de La Veneno, quen aporta un toque cómico á serie. Mención especial aos mozos Guille Márquez e Marcos Sotkovski que dan vida á Cristina da infancia, cando aínda se coñecía como Joselito; e por suposto a Lola Rodríguez e Mariona Terés, dúas actrices que crecen e brillan aínda máis co transcurso de cada episodio.

A serie corría o risco de que non chegara á xente e que só a viran un nicho moi concreto que desexaba ver a historia. Perdería o seu efecto. Pero esta obra audiovisual non só se estreou na pequena pantalla, senón que se emitiron tamén os dous primeiros capítulos en Antena3. Os datos da emisión en aberto demostraron que máis de 2.5 millóns de espectadores caeron aos pes de Cristina e da forma na que dende a dirección decidiron contar a súa historia.

Deste xeito, a nova serie dos Javis é, con toda seguridade, o traballo máis orixinal e rompedor que fixeron ata a data, tanto a nivel de guión como de realización. O feito de que unha serie como “Veneno” conseguise ver a luz e chegar á gran pantalla supón todo un fito no panorama audiovisual español. Ben é certo que cada vez vemos máis homes e mulleres homosexuais e bisexuais en series e películas, pero non cun personaxe transexual como elemento principal da trama. Igual ou máis importante é a naturalidade coa que a serie amosa e sensibiliza sobre esta realidade tan importante e tan pouco tratada como é a transexualidade e o proceso ao que se enfrontan centos de persoas.

Capítulo a capítulo chegamos a un desenlace inminente no que unha gran estrela pouco a pouco se vai apagando. Desta forma, vaise xestando un final á altura da protagonista da serie, unha escena que coroa a historia na que as cinzas se fusionan con lágrimas de alegría pola homenaxe que merece e ten o final de Veneno. O oitavo capítulo pecha o ciclo e préndese aínda máis unha estrela que naceu no episodio un e en 1964.

Veneno. Vida y muerte de un icono trans supón unha revolución sen precedentes no audiovisual español que da luz a una realidad que, por desgracia, moitos seguen vendo como un tabú. Unha aventura que sen dúbida mira cara atrás para ver o que se conseguiu pero tamén observa o futuro para seguir loitando. Por loitar, por abrir un camiño e andar para que outras puidesen correr, por visibilizar e por dar esperanza, grazas Cristina. A túa vida é preciosa, lerémoscha moitas máis veces.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea tu sitio web con WordPress.com
Comenzar
A %d blogueros les gusta esto: