Alumnos da Facultade de Ciencias de Educación da USC quéixanse da falta de prácticas por mor da Covid-19

Múltiples estudantes do Grao en Pedagoxía están a ter problemas para completar a súa formación e esixen unha solución ao Decanato

Son múltiples os graos universitarios que ofertan unha formación práctica complementaria, e moitos deles que o fan con carácter obrigatorio. Porén, a Covid complicou este proceso formativo, pois son moitas as empresas ou institucións que non están dispostos a acoller novo persoal nunha situación así.

É o caso do Grao en Pedagoxía, cuxas prácticas dos alumnos de 4º curso se viron afectadas pola crise sanitaria e económica. O seu Plan de Estudos inclúe o denominado Practicum con carácter obrigatorio, o cal xa se viu afectado no anterior curso (3º de 2019/2020), pois a Covid irrompeu cando os alumnos xa tiñan comezado as súas prácticas e imposibilitoulles continuar asistindo ao seu centro de formación.

Este presente curso, a Facultade vén de publicar unha nova convocatoria de prácticas a través da cal, de acordo co seu Plan de Estudos, os alumnos deberían volver ao centro ao que acudiran nas anteriores prácticas para continuar a súa formación.

Porén, a causa da Covid, moitas das empresas que ofertaron prácticas o anterior curso, optaron nesta ocasión por non aceptar persoal en formación. Así as cousas, dos 77 alumnos de 4º de Pedagoxía, só 45 deles terán a opción de completar a aprendizaxe na empresa na que a comezaran meses atrás.

A resposta do Decanato

Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Ciencias da Educación. USC.

Ante isto, o Decanato pediu aos propios alumnos que se puxesen en contacto con institucións que eles mesmos coñecesen para solicitarlles a formación. Moitos destes estudantes optaron por contactar persoalmente a empresa na que comezaran as súas prácticas con anterioridade.

Con todo, en casos como o de Estela, unha estudante do Milladoiro, non houbo resposta satisfactoria: o museo no que ela estivera formándose atópase pechado, polo que non pode aceptar persoal de prácticas. Como ela, outros tantos estudantes atópanse nunha situación de total incerteza tras a negativa dos centros.

A solución que propoñen desde o Decanato é que busquen un novo centro, pero isto suporía unha dobre carga de traballo, pois terían que realizar nel as tarefas das prácticas do 3º curso para posteriormente poder realizar as que se requiren nesta nova convocatoria.

Así pois, os alumnos desta Facultade móstranse descontentos coa xestión das prácticas externas e piden ao Decanato unha solución que equipare as cargas de traballo de todo o alumnado e que asegure a todos unha praza de prácticas, sendo estas de obrigada superación para adquirir a titulación.

Publicado por Paula Ferreira Boquete

Estudante de Xornalismo na USC.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea tu sitio web con WordPress.com
Comenzar
A %d blogueros les gusta esto: