‘Alguien tiene que morir’ porque Manolo Caro así o quixo

A nova produción de Manolo Caro para Netflix queda a medio camiño e convértese nun intento falido

Tras o éxito de La casa de las flores, Manolo Caro regresa a Netflix cun produto substancialmente distinto, pero que acumulaba de igual xeito grande expectación.

Alguien tiene que morir presentábase como o salto ao thriller de Caro, que levaba moitos anos enmarcado na comedia, pois o director mexicano tratou de crear unha interesante trama de suspende e intriga, pero quedou nun mediocre drama familiar.

A miniserie emprega o franquismo como telón de fondo, a España dos anos 50, cunha sociedade conservadora, ultracatólica e enfrontada en dous bandos. Nesta atmosfera fría e de opresión fai a súa aparición Gabino (Alejandro Speitzer), fillo dos Falcón, que regresa á súa casa familiar en Madrid tras máis dunha década en México. Pero Gabino non regresa só, senón que vén acompañado polo seu amigo Lázaro (Isaac Hernández), un bailarín mexicano que será fonte de conxectura e conflito en varias das tramas.

Os Falcón representan unha típica familia adiñeirada pertencente ao bando franquista e dita familia constitúese a través de personaxes completamente estereotipados como a avoa Amparo (Carmen Maura), que representa unha férrea e fría matriarca, a modo de dona Carmen (Concha Velasco) en Las Chicas del Cable, ou como o pai, Gregorio (Ernesto Alterio), un adepto ao réxime novamente cunha personalidade fría, violento e machista, cuxa muller, Mina (Cecilia Suárez), ten unha aventura.

Tampouco o emprego de caras coñecidas consegue salvar a produción. Ester Expósito interpreta a Cayetana, con quen intentan casar a Gabino, unha vez máis encaixada no papel de rapaza rica e caprichosa. O irmá de Cayetana, Alonso (Carlos Cuevas), si constitúe un personaxe con maior complexidade, porén, non se chega a profundar no seu conflito interior.

Temática LGTB

Desde a chegada de Gabino coa inesperada compañía de Lázaro, comezan as suposicións, tanto para os espectadores como na propia casa dos Falcón, dunha posible relación homosexual. O personaxe de Lázaro e a súa sexualidade pasan a ser un enigma e son empregados como un elemento desestabilizador.

A miniserie dá mostra tamén da persecución e represión da homosexualidade no réxime a través de lesbianas no cárcere, malleiras a homosexuais… e mesmo da autorrepresión, representada a través do personaxe de Alonso, mais a súa historia é tratada moi levemente.

Segredos a voces

Unha proposta coma esta debe facer uso do suspense, do desconcerto, despistar ao espectador e espertar o seu interese, facendo que se manteña alerta e que cavile na busca de respostas ás principais incógnitas.

Porén, o que se dá na produción de Caro é unha profunda falta de tensión narrativa e dramática, a intriga non fai aparición en ningún momento, os conflitos son obvios e a evolución dos personaxes practicamente nula.

O guión, no canto de xirar en torno a certos misterios, limítase a mostrarnos as relacións amorosas dos personaxes, que en ocasións constitúen unha decepción ou un enredo innecesario en si mesmas, para rematar cun final ao que tampouco se lle atopa xustificación e que deixa indiferentes aos espectadores.

En resumidas contas

Alguien tiene que morir reunía todas as características para apuntar a un novo triunfo de Netflix: un director que tivera éxito coa súa anterior produción, un bo reparto, liñas temáticas de importancia e interese como a homosexualidade e represión no franquismo… mais todo quedou nun intento falido.

Quizais un cambio de formato por unha serie de maior duración solucionaría algúns dos problemas que presenta esta obra. Porén, deste xeito, a falta dun tratamento en profundidade dos temas, a ausencia de evolución nos personaxes, a non resolución de conflitos, un ritmo extremadamente lento… todos estes elementos e moitos outros levaron a esta miniserie a converterse nunha produción que pasará sen pena nin gloria entre a oferta do catálogo de Netflix.

Publicado por Paula Ferreira Boquete

Estudante de Xornalismo na USC.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea tu sitio web con WordPress.com
Comenzar
A %d blogueros les gusta esto: