Todas as mulleres se chaman Juana

Chevi Muraday fai bailar a Aitana Sánchez-Gijón nunha montaxe que une danza e teatro para reivindicar o papel da muller na historia

No teatro todo se comparte. As emocións que os actores expresan na escena traspasan a barreira do sensorial para chegar a un público xeneroso que se entrega dende a butaca a experimentar na súa propia pel todo aquilo que percibe. Juana é a máxima expresión de intimidade e a definición exacta de Teatro, con maiúscula.

Tras máis de nove meses agardando unha data adiada ata en tres ocasións, as táboas do Auditorio de Galicia foron testemuño o domingo 6 de decembro dos berros silenciados ao longo da historia de Juana de Arco, Juana la Loca, Sor Juana Inés de la Cruz e a Papisa Juana, entre outros nomes. A muller contedora de tódalas Juanas, cedendo a súa voz e rostro, é Aitana Sánchez-Gijón, que encabeza un reparto composto por Chevi Muraday, ao mesmo tempo director artístico e coreógrafo do espectáculo, Alberto Velasco, Carlos Beluga e Maximiliano Sanford.

Producido por LOSDEDAE, compañía creada por Muraday hai 23 anos, Juana representa unha simbiose perfecta na que o texto, a dramaturxia, o movemento e a danza conviven de forma orgánica. Actores que bailan e bailaríns que actúan elevan á enésima potencia a expresividade corporal nun voo a través das páxinas da nosa historia.

Sen embargo, en Juana os anais non se contan seguindo unha orde cronolóxica. Trátase dunha viaxe creada en torno ao eco, ao vestixio de todas esas mulleres que desafiaron ao longo das civilizacións un machismo recalcitrante que non deixa de ser actual e extrapolable ao noso século. Na interpretación de Aitana recoñécense feitos das biografías das protagonistas,  representadas ademais cada unha delas cunha caracterización particular ideada polo omnipresente Muraday e Sonia Capilla, mais a liña que as separa é practicamente imperceptible ante o reflexo da emoción que percorreu as súas existencias e que as une baixo un nome propio.

Non é de extrañar que Chevi Muraday pensara en Aitana Sánchez-Gijón para homenaxear o legado histórico da muller mesmo antes de ter completamente definido o proxecto que hoxe en día se traduce en Juana. Medea, Hécuba ou Nora -en Casa de Muñecas 2- son mulleres ás que a actriz deu vida sobre os escenarios de todo o país recentemente, conformando unha bagaxe que a erixen, para moitos, como a sucesora natural de Nuria Espert. O perfil dos seus anteriores traballos non dista do enfoque de Juana, polo que aqueles que tiveron a honra de desfrutar de Aitana sobre as táboas coñecen o seu desgarro e entrega ata as últimas consecuencias. Con todo, non por isto no novo espectáculo deixa de sorprender ao espectador, pois a actriz non se esquece de reinventarse e de aceptar novos retos que a sacuden fóra do establecido.

A expresión corporal como guión

É o caso de Juana, no que Sánchez-Gijón se lanza ao baile contemporáneo sen previo coñecemento da disciplina. Os homes do elenco, vestidos de negro impoluto, manipulan o seu corpo ao seu antollo como metáfora das sociedades polas que viaxa o espectáculo e ela, brillante, déixase levar con movementos tan medidos que semellan naturais. A liberdade dos desprazamentos contramponse á frialdade da escenografía, composta por unha estrutura metálica de liñas perfectas sobre a que levitan os corpos nas alturas coma se dunha gaiola para paxaros se tratara. 

Os textos da montaxe levan a firma de Juan Carlos Rubio -responsable tamén da dramaturxia-, Marina Sereseky e Clarice Lispector. Escolléronse tamén fragmentos de George Bernard Shaw, Alcuino de York, do Antigo e do Novo Testamento, Emmanuel Royidis, Fiedrich Schiller, William Shakespeare e Juana Inés de la Cruz. O seu conxunto constitúe un puzle das pezas máis diversas que, en ocasións, son difíciles de encaixar a pesar da atención e paixón que o elenco deposita no enunciado.

A montaxe destaca máis polo seu aspecto coreográfico que polo uso das verbas, mais este punto non é quen de eclipsar un espectáculo que despunta pola calidade interpretativa, en tódalas dimensións, dos actores que conforman o cartaz, e pola admirable solvencia de Aitana, a perfecta Juana.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea tu sitio web con WordPress.com
Comenzar
A %d blogueros les gusta esto: