Cando a Covid-19 pechou o telón

NEREA FERNÁNDEZ E PAULA FERREIRA

Compañías e salas de artes escénicas continúan facendo fronte a duras restricións e constantes cancelacións 9 meses despois da declaración do primeiro Estado de Alarma

As cancelacións de espectáculos das artes escénicas están á orde do día na comunidade galega dende o pasado marzo, cando as restricións por mor da Covid fixeron a súa primeira aparición na nosa vida. 

Ditas limitacións colleron por sorpresa aos máis dos españois, e así ocorreu tamén coas salas e compañías de artes escénicas galegas, que de súpeto viron esvaecer o futuro no que levaban traballando dende meses atrás. 

Foi o caso do Fórum Metropolitano da Coruña, que tiñan programada unha obra de teatro para o mesmo día que se impuxo o confinamento, polo que axiña tiveron que dar aviso á compañía, que se desprazaba dende Madrid

Tamén dende Madrid tivo que voltar ás présas a compañía Chévere, que se atopaba representando na capital ‘Curva España’. Xesús Ron, director artístico da compañía, lembra como “de repente cancelaron todo e houbo que volver rápido para aquí con esa sensación de saír correndo dalgún sitio sen saber moi ben por que, que está pasando…” e “en moi poucos días ves como todo o que tiñas construído se vai derrubando ata non quedar nada”.

En Eibar atopábase Pistacatro coa Orquestra de Malabares nun espectáculo que xa tiveron que cancelar varias veces dende aquel día no que todo pechou. O administrador e xestor de proxectos na compañía, José Expósito, conta así como foron os primeiros momentos: “Durante a primeira etapa pasamos moita confusión, logo comezaron as anulacións…Cancelamos a xira da Orquestra de Malabares, tamén tiñamos un festival en Brasil, perdimos a feria Trapezi, interrompéronse as negociacións para unha xira en China…”.

Aquí comezou o parón dos espectáculos ao vivo e todos os seus axentes culturais viron como, mes tras mes, se lles impedía levar a cabo o seu traballo.

Orquestra de Malabares. PISTACATRO.

As raiolas de sol durante a tormenta

A pesar do extraordinario da situación, durante o confinamento a cultura non quedou esquecida. As artes escénicas non foron menos. Deseguida se decataron de que era necesario que a xente se evadise do que estaba pasando: das noticias, da tensión, da traxedia. E cando comezaron a aparecer estes raios de sol culturais, a xente agradeceu saír dunha tormenta que xa se transformara en rutina, e simplemente, gozar.

As iniciativas foron tan diversas como o que as novas tecnoloxías ou a creatividade lles permitiron. Dende Chévere, Xesús Ron cóntanos que teñen unha plataforma web, redenasa.tv, activa dende hai xa once anos e volcáronse nela: “O que fixemos neses meses de confinamento, sobre todo na etapa máis dura, foi refrescar esa memoria de todo o material e todo o arquivo visual relacionado coas artes escénicas e coa música”.

“É xusto recoñecer a aquelas institucións que se responsabilizaron, tanto cos seus públicos como cos artistas, e financiaron programacións específicas online»

Alexandre Pereira

A compañía Berrobambán tivo claro que “o obxectivo non era o de manternos presentes nós, senón que as persoas tivesen acceso a outras cousas diferentes aos contidos televisivos e, ademais, no noso idioma” conta Alexandre Pereira, por iso organizaron unha programación online con dous espectáculos nun horario moi accesible. A partir do mes de abril xa se deron ás contratacións dalgunha sesión por streaming: “É xusto recoñecer a aquelas institucións que se responsabilizaron, tanto cos seus públicos como cos artistas, e financiaron programacións específicas online como alternativa á actividade presencial e contrapoñelas a aquelas outras que propuxeron colaboracións sen ningunha prestación económica.”

O certo tamén é que durante o confinamento tamén houbo un excesivo uso das pantallas. Por este motivo, houbo programacións desenvolvidas polo Concello da Coruña que conseguiron levar a cabo espectáculos en directo. Laura Sarasola, a directora de Caramuxo Teatro, fala de como a súa compañía participou nesta alternativa: “As iniciativas online deixan de ser tan auténticas, porque non hai esa comunicación, esa retroalimentación do directo que é o que nos diferencia de ver unha serie ou o que sexa. Por iso, o proxecto de apoio ao comercio local con animación dentro dos escaparates e que así, houbese teatro nas tendas foi unha solución moi creativa e sorprendente”. 

Ñam, a primeira representación de Caramuxo Teatro na súa volta aos escenarios. CARAMUXO TEATRO.

E se falamos de adaptación, alternativas e novos xeitos de facer chegar as artes escénicas ao seu público, temos que destacar Escenas do cambio. Ana Isabel Vázquez, directora e xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia narra como sempre tiveron claro que tiñan que atopar un xeito de levar este festival adiante: “Sabíamos que tiñamos que atopar un xeito de encaixalo dentro dos límites das normas sanitarias. Este ano estamos aprendendo, experimentando. Nestes meses ofrecemos concertos en streaming, visitas ás exposicións a través de videoconferencias, foros de cultura en formato dixital… Todas estas novas experiencias estámolas a aplicar ás actividades culturais para poder seguir en marcha”.

Escenas do cambio manterá a súa aposta pola contemporaneidade, por un concepto das escénicas que supera os formatos tradicionais, un xeito de entender o teatro e a danza como linguaxes para abordar os problemas de hoxe, de expresar os nosos desexos, medos, inquedanzas… Ana Isabel considera que “Galicia debe participar nese diálogo contemporáneo internacional que ten lugar no eido artístico e Escenas do cambio quere ser unha das canles posibles”.

Este festival presentará once pezas procedentes de cinco países diferentes, no que a novidade será a dirección de Lola Correa. Este proxecto, que se desenvolverá en diferentes espazos da cidade de Santiago, terá lugar entre o 18 e o 21 de febreiro en colaboración co Concello de Santiago, coa Fundación Granell, co Instituto Camões e co Instituto Francés, entre outros. 

Unhas restricións incongruas

Con todo e malia os esforzos de compañías e salas, Galicia é unha das comunidades coas restricións máis estritas do Estado, cun límite de trinta espectadores nas salas, o que provocou, lamentablemente, cancelacións e adiamentos, non sempre anunciados con suficiente anterioridade. Mais as compañías evidencian que o verdadeiro problema que atopan nestas medidas sanitarias é a súa incoherencia.

Xesús Ron, da compañía Chévere, considera que se está ferindo de gravidade ao sector escénico galego: “En todos estes meses tocounos actuar en practicamente toda España e Galicia é o único sitio que ten estas restricións tan difíciles de entender como isto de poñer o límite en trinta espectadores”. Reivindica que dende as Administracións públicas se está dificultando o traballo da xente que programa os teatros, así como toda a xente que se move arredor diso. “Hai moita xente que quere ir ao teatro, que estaría encantada de poder asistir, mais están quedando sen esa oportunidade” finaliza Xesús.

José Expósito, administrador e xestor de proxectos na compañía Pistacatro, sente que as artes escénicas galegas están a ser exemplares nas medidas de seguridade porque “nós o que queremos é a saúde e seguridade da xente”, mais aínda así comenta a sorpresa do sector na ausencia de coherencia nas directrices “cando vemos os aforos dos avións, metro, autobuses, bares e despois vemos os teatros con trinta persoas”.

Moitas outras compañías e salas comentan a mesma situación. É o caso de Berrobambán: “Os expertos deciden unhas medidas e nós, como o resto da poboación, cumprimos. Agora ben, o problema está na incoherencia entre as diferentes medidas nos distintos ámbitos” comenta Alexandre Pereira.

Tamén Ana Judel, directora do Fórum Metropolitano, concorda cos seus compañeiros de gremio, e ademais asegura que desde os teatros foron quen de autorregularse desde un principio buscando a seguridade do público: “Cando a Xunta permitía o aforo do 75% decidimos facelo só ao 50% para garantir todas as medidas de seguridade”. Afirma que dende o Fórum traballan para que haxa contratacións e así, as funcións sigan adiante, mais comparte a idea de que o máis razoable sería un aforo en función do espazo: “Non é lóxico que nun teatro de 300 butacas só se poidan vender trinta (un 10%), e no noso cine, que ten 78 butacas, se poidan vender trinta tamén.”

“Cando a Xunta permitía o aforo do 75% decidimos facelo só ao 50% para garantir todas as medidas de seguridade”

Ana Judel

Por último, dende Caramuxo Teatro, a súa directora, Laura Sarasola, prefire ver as cousas con perspectiva: “Dende que comezamos a traballar ata agora, as funcións teatrais e os actos culturais realizáronse dunha forma exemplar. Iso debería recoñecerse e ser apoiado.” Engade que aínda que as restricións foron moi estritas, e quizais inxustas, o importante é reivindicar que da cultura non saíu ningún brote.

Axudas tardías

O certo é que o sector do teatro se atopaba xa con anterioridade á pandemia nunha situación moi delicada, pois, en palabras de José Expósito, da compañía Pistacatro, “este é o banco de experimentación da precariedade desde xa hai tempo”. 

Con esta situación xa preocupante, as imposicións que esta crise sanitaria trouxo consigo situaron ás artes escénicas nun punto crítico, pois despois das dificultades que trouxera a primeira crise financeira, está a chover sobre mollado. 

“Este é o banco de experimentación da precariedade desde xa hai tempo”

José Expósito

Como diciamos, o confinamento non impediu a presenza da cultura nas nosas vidas, senón que se adentrou na casa de cadaquén para axudarnos a levar mellor a situación. Paradoxalmente, os meses de parón que viviron as nosas artes escénicas non supuxeron a súa ausencia no día a día das persoas, que se implicaron no seu apoio e consumo. Foi isto o que provocou unha necesidade de resposta por parte dos gobernos e, aínda que tardíamente, tanto as administracións locais, como provinciais, autonómicas, estatais e mesmo as europeas brindaron axudas á cultura. 

Así, Xesús Ron afirma que desde Chévere non fan un balance do todo negativo da xestión, pois mantén que “somos uns privilexiados ao recibir axudas dun lado ou doutro, que mal que ben foron axudando a paliar un pouco os efectos. En cambio, hai outros sectores igualmente moi afectados e que non recibiron a mesma atención nin o mesmo nivel de axuda”. 

Continuando cos aspectos favorables, Ron valora positivamente a adaptación que se fixo desde o Ministerio de Cultura das axudas ás artes escénicas: “Creo que un dos acertos foi que non implicaran ter que facer novas producións nin ter que xerar novas actividades, senón que se actuou sobre a situación de crise e de paralización do sector durante 5-6 meses, nalgúns casos máis, e as axudas foron precisamente a paliar ese déficit estrutural”.

“As axudas do Ministerio de Cultura foron precisamente a paliar ese déficit estrutural”

Xesús Ron

Do lado contrario, sinala a ineficacia das medidas da Xunta de Galicia, “axudas que chegaron xa en outono, cando a situación era radicalmente diferente da que vivimos nos meses de abril e maio. Chegou tarde, foi unha axuda moi limitada e que en moitos casos implicaba facer moitas máis actividades”. Proba desta ineficacia foi, chegados os rebrotes, as cancelacións, unha vez máis, das actividades subvencionadas con algún destes plans de axuda: “Aí demostrouse que non eran efectivas e que non conseguiron ou non intentaron adaptarse á situacion e ás esixencias e necesidades de axuda que tiña a xente”.

Estas axudas presentaron tamén outras deficiencias, e é que, como Xesús Ron sinala, non chegaron a “todo ese sector, que é moi grande, que vive unha situación de maior precariedade, con moitas dificultades xa antes da pandemia de acceder a subvencións, con dificultades para acceder ás redes de teatros públicos… Esa xente que xa daquela vivía con maiores limitacións foi a que se viu máis afectada e con moi poucas posibilidades de acceder á axuda pública”. 

“As medidas non eran efectivas e non conseguiron ou non intentaron adaptarse á situacion e ás esixencias e necesidades de axuda que tiña a xente”

Xesús Ron

Neste sentido, José Expósito, da compañía Pistacatro, sostén que “é importante que todas as persoas que traballamos na cadea de valor, se estamos paradas que esteamos cubertas. Que unha vez isto suceda, se lle dea estabilidade. Hai que pensar como e cales son as propostas que hai que poñer enriba da mesa para que o sector cultural teña unha estabilidade que non ten, e que non estea nesta continua precariedade, porque cada vez que sopla un pouco o vento ao contrario, caemos como un castelo de naipes”.

O incerto do futuro

O que todos os axentes implicados na creación e difusión do teatro teñen claro é que a situación debe cambiar e deben ser tomadas outras medidas para garantir unhas artes escénicas de calidade. 

Alexandre Pereira, da compañía Berrobambán, lanza unha mensaxe ás administracións en modo de carta aos Reis Magos: “Á administración do Estado pediriámoslle que canto antes repoña no seu cargo a José Guirao, o anterior ministro de cultura. Á administración da Xunta pediriámoslle que probe por unha vez a tentar facer unha política cultural, sexa ela a que for, e deixase a inacción como método de acabar coa cultura galega. Ás administracións locais pediriámoslles que se impliquen e asuman as responsabilidades das decisións que toman e procuren alternativas ás cancelacións unilaterais. Por último, ao público pediríalle que vaia aos espectáculos cando teña oportunidade e se sintan seguros para facelo. Pero isto, en realidade xa o están a facer”.

Xurdefet, de Berrobambán. BERROBAMBÁN.

Por outra banda, Xesús Ron afirma que “como sector evidentemente imos ter que replantexarnos moitísimas cousas” e sinala que o feito de que actividades como o teatro, a danza e a música teñan a súa supervivencia tan estreitamente ligada á mobilidade e á circulación dos espectáculos foi unha das debilidades onde as restricións da Covid os atacou fortemente. Isto pon de manifesto que “non podemos depender tanto dos bolos, da circulación, da mobilidade, para que siga existindo teatro e para que a xente poida seguir vivindo desta actividade”. Isto non quere dicir que o futuro do teatro estea no streaming, pero esta crise lanzou ás compañías a “explorar as posibilidades que tiñan o uso das redes sociais, os medios audiovisuais e o streaming sen perder a esencia do que segue sendo facer teatro”. 

O futuro do teatro pasa tamén indubidablemente pola busca dunha estabilidade laboral, polo que José Expósito insiste na necesidade “dun Estatuto do Artista que protexa aos artistas e a toda a cadea de valor das artes escénicas”. Coincide tamén Xesús Ron: “Igual que hai un ingreso mínimo vital que se fixo indispensable para atender a todo ese sector da sociedade que non recibía outro tipo de axudas, no sector dos artistas dáse o mesmo caso. Necesítase un Estatuto do Artista precisamente para corrixir esas precariedades crónicas de moita xente que se dedica a esta actividade”.

“Os efectos da pandemia vanse ver no próximo semestre»

Ana Judel

Unha cousa está clara. O futuro próximo é crítico e cheo de incerteza para todos os axentes culturais. Ron sostén que “o peor non foi a pandemia, ao final estamos onde estamos, pero a vida segue e de cara ao ano que vén moitos compañeiros e compañeiras teñen unha incerteza enorme de cara á programación do 2021. Está todo moi paralizado e con moi poucas posibilidades de ver por onde saír dunha maneira máis ou menos solvente”.

Na mesma liña, Ana Judel, directora do Fórum Metropolitano, afirma: “Agora é moi crítico o que está ocorrendo. As compañías que veñen, actúan e fan os seus espectáculos están moi agradecidas de que se manteña a programación, de que tivéramos cambiado de primavera para outono. Pero isto supón que en outono en vez de facer dez contratacións, fixeramos só tres. Son moi poucas novas contratacións, e isto si que repercute nas compañías”. É por isto que para ela “os efectos da pandemia se van ver no próximo semestre. Agora a xente está sobrevivindo, pero cantos van poder sobrevivir un semestre máis?”.

Publicado por Paula Ferreira Boquete

Estudante de Xornalismo na USC.

Un comentario en “Cando a Covid-19 pechou o telón

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea tu sitio web con WordPress.com
Comenzar
A %d blogueros les gusta esto: