Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar

A resiliencia mantén viva a industria musical fronte a crise da Covid-19

CARLA FILLOY E EVA FUENTES

Músicos e artistas soben ao seu escenario máis difícil nun contexto no que a cancelación de concertos e a cultura do streaming están á orde do día

A pandemia non só afectou á saude de toda a humanidade, senón que tamén fixo enfermar gravemente a escena cultural. A quebra da cotidianidade borrou dun plumazo o mapa tradicional de eventos en vivo, forzando a moitos deles a desaparecer para sempre sen apenas concederlle unha tregua para despedirse. 

A industria musical é un dos eidos máis golpeados pola crise da Covid-19. Dende o decreto do Estado de Alarma o pasado 14 de marzo, coa cuarentena obrigada como medida principal de contención do virus, esta sector cultural foi arrastrado por unha onda de incertidume tras a cancelación masiva de concertos, festivais e encontros musicais. Actualmente, a pesar de que a data na que se parou o mundo semella afastada no tempo, o panorama para músicos e artistas de espectáculos en vivo continua a ser desolador.

O calendario en branco tradúcese nunha parálise da actividade económica da industria en todas as súas vertentes. En moitos casos, a desaceleración foi total. Segundo a Unión de Músicos Profesionais, nada precisamente neste contexto, tres de catro músicos que estaban en activo no 2019 experimentaron unha redución da súa actividade de máis do 90%. Con todo, tan só 2 de cada 10 músicos puideron acollerse ás medidas especiais aprobadas polo Goberno, como o paro extraordinario para artistas ou o cese de actividade para autónomos, algo que achacan á “falta de ordenación e regulación normativa da profesión nas últimas décadas”.

Pese ao escenario que se debuxa no horizonte, os músicos e artistas fixeron gala unha vez máis da súa capacidade de resiliencia e non permitiron que a música deixara de soar neste tempo de confinamento e distanciamento social.

A pandemia non baixou o volume da música

Hai nove meses, as salas de concertos pecharon á par que a meirande parte de actividade económica do país. A incerteza de todo o que acontecía ao outro lado da ventá avocou a toda a sociedade nunha burbulla de vulnerabilidade. Neste contexto, os músicos e músicas sacaron forzas de onde xa non quedaban para divulgar a súa arte fóra dos escenarios tradicionais, amosando unha gran xenerosidade e valentía.

Cando a pandemia comezou a incidir, a resposta dos intérpretes foi inmediata a pesar da obriga de reinventar completamente o xeito de levar a cabo o seu traballo. Os concertos en streaming, os directos a través das diferentes redes sociais ou as colaboracións entre artistas supuxeron unha vía de escape tanto para eles canalizar o anhelo de manterse en contacto co seu público, como para os seus seguidores, que atoparon neses intres a evasión necesaria para enfrontar a realidade.

Fotograma da versión ‘Xente Confinada’ de Guadi Galego. YOUTUBE

Con todo, a pesar de que os artistas tentaban amosar a cara amable do confinamento, estes tamén tiveron que lidiar cos dificultades que o encerro supuxo para todos, como a conciliación no fogar ou a distinción entre o tempo de ocio e o laboral, cuxa liña divisoria se viu difuminada. Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, revelou que saiu adiante “con sacrificio”. No seu caso, non foi doado atopar o momento de sentarse no seu estudo a compoñer, unha acción que considera necesaria para encauzar e dar forma á súa inspiración. “Eu podo estar cociñando e de repente virme unha idea que podo apuntar ou gravar nunha nota de voz, pero despois ou séntaste ou nada. E hai que atopar as horas de sentarse”, confesou.

Raúl Ben, compositor e arreglista galego, tamén foi quen de invertir tempo no pequeno estudo que posúe no fogar. “Ao principio si que compuxen bastante, ademais de producir cancións para máis artistas, moitas delas referentes á pandemia”. Sen embargo a inspiración non o acompañou durante a totalidade do confinamento: “tiven dúas etapas, despois da primeira entrei nunha fase de declive na que estaba moi apático e na que me custou moito máis conectar co que quería dicir e ca composición”.

«No confinamento entrei nunha fase de declive na que me custou conectar coa composición»

Raúl Ben

Ademais, en abril, o cantante de pontevedrés lanzou a través das principais plataformas o seu disco Consejos Vendo, un proceso que lle resultou complicado “polo feito de non poder presentalo en directo e non poder facer un concerto de presentación”. Raúl é un dos moitos exemplos de artistas que tiveron que reinventarse, xa que levou a cabo varios concertos vía streaming “nas plataformas que garantizaban que non supoñía ningún custo, como Instagram, Facebook e Youtube. A pesar disto, Raúl fai un balance deses meses como un “período interesante”, xa que supuxo unha nova proba para os seus compañeiros de profesión “no sentido de que é posible facer as cousas doutra maneira. Centrámonos nas cousas que si se poden facer e non nas que non están permitidas”.

O escenario máis difícil

Tras o proceso de desescalada das restriccións máis duras, algúns artistas puideron retomar unha pequena parte da súa actividade en vivo. As salas de concertos continuaron pechadas, mais algúns músicos tiveron un respiro grazas á posibilidade de programar concertos ao aire libre. Con todo, a volta ao escenario produciuse dun xeito moi tímido, parcial e cun número de eventos moito menor que os proxectados na axenda á comezos de ano. 

“Os concellos un pouco máis grandes e ousados animáronse a contratar artistas”, afirma Guadi Galego, sen embargo, por precaución e mesmo descoñecemento, foron moitos os concertos que tiveron que ser adiados e cancelados. O fin de xira do seu disco Immersion é un exemplo. O concerto que ía ter lugar en Narón coa presenza de artistas invitados e unha organización acorde a un evento tan relevante para a traxectoria musical da cantante, tivo que ser aplazado sen unha data aínda establecida

A pesar de que Guadi relata que está a levar esta situación “fatal”, non lle faltan ganas e optimismo á hora de sair adiante co seu novo lanzamento Costuras, do que xa está a ensaiar o directo. “Espero poder despedir o noso Immersion como se merece e dicirlle á xente que imos dalo absolutamente todo con Costuras. Imos montar o espectáculo e esperamos poder facelo chegar a múltiples lugares nos que se nos deixe tocalo”.

Raúl Ben, pola súa banda, finalmente tamén puido presentar o seu novo disco en directo. Sen embargo, a considerable reducción do número de bolos levaron ao artista a volver ás rúas de Santiago como vía de escape ante a imposibilidade de tocar en directo. “Agora mesmo, tal e como está a situación das salas de música e dos locais, a verdade e que é a única maneira que teño de poder promocionar o meu disco, de poder cantar as miñas cancións e que a xente as perciba de maneira distinta. Tamén é unha forma de poder vender o meu disco”.

As baixas pulsacións da música en vivo

Nos concertos que si pudieron sair adiante, o aforo de público sufriu unha reducción de ata o 70%, transformando estes eventos nunha sorte de recitais íntimos. Ademais, as medidas de prevención impostas á toda a sociedade obrigaron aos asistentes a manter distancia de seguridade e a limitar a súa expresión mediante o uso de máscaras.

Sen embargo, isto non supuxo unha barreira para os seguidores dos artistas, que acudiron aos concertos con máis ganas que nunca de desfrutar da música en vivo. De feito, Guadi Galego afirma que a xira de Immersion, que se estendeu durante o verán, foi unha das máis emocionantes da súa vida. “Ir facer un concerto con todo o mundo enmascarado e sen poder moverse dunha cadeira é moi duro, pero por outra banda foi tanto o que a xente nos deu nesta xira…”

A Raúl tamén lle sorprendeu a resposta do público. “A xente ten moitas ganas de música en directo”, afirma o compositor e produtor. Do mesmo xeito, tamén resalta entre os inconvintes da nova normalidade a perda de expresividade: “non eres capaz de saber se o público ten un sorriso ou se están emocionados.”

Con todo, as limitación propias da situación son compensadas coa resposta do público fóra do escenario, pois Raúl comenta que “hai moita xente que se preocupa pola miña situación”. E é que o certo é que ambos artistas están de acordo en que a cultura cada vez é máis valorada pola sociedade. “Eu penso que a xente está moito máis concienciada e que isto vai traer moitas cousas boas”.

Sen cultura non hai futuro

Segundo os datos presentados recentemente polo Ministerio de Sanidade desglosando a incidencia da Covid-19 por sectores, nas actividades culturais tan só se orixinou un brote dos 8.488 detectados ata principios de novembro. De acordo co informe, a incidencia da Covid-19 nas actividades culturais é marxinal, téndose producido só un 0,01% dos brotes es espazos desta índole.

Sen embargo, a pesar de ter constancia destas evidencias, as actividades culturais en xeral e os concertos e eventos de música en vivo en particular continúan practicamente inactivas. Como consecuencia, os traballadores do sector perciben cada vez menos ingresos, o que dificulta aínda máis a gravidade que xa se viña estendendo dende o mes de marzo.

Concentración do movemento Alerta Vermella na praza do Obradoiro. INSTAGRAM ALERTA ROJA EVENTOS

Coa vontade de reclamar medidas urxente para o ámbito cultural, naceu a campaña #AlertaVermella, un movemento que unifica á industria do espectáculo e os eventos. Dende a iniciativa denuncian que a súa situación é alarmante, poñendo o foco sobre o seu eslogan “sen cultura non hai futuro”. Así, piden que se recoñeza ao sector entre aqueles máis afectados pola pandemia da Covid-19, coa pertinente consideración das institucións e administracións públicas, así como a reactivación inmediata das axendas culturais e de eventos baixo o estricto cumplimento de tódolos protocolos de seguridade sanitaria.

Os artistas de todo o país uníronse a esta iniciativa a través das movilizacións que se organizaron ao longo de toda a xeografía e amosando o seu apoio a través das redes sociais. Para eles non é nada novo, xa que como afirma Raúl, “en xeral os artistas e a cultura sempre teñen que andar a remar á contra do que se fai dende as institucións. Nunca sentimos un respaldo completo dende os organismos públicos. Temos que reivindiciar moito que a cultura é algo que nos diferencia do resto de países e zonas do mundo”.

«Os artistas da cultura sempre temos que remar á contra do que se fai dende as institucións»

Raúl Ben

Raúl Ben recorda que non só os músicos viviron as consecuencias directas da pandemia, senón que tamén foron afectados montadores ou técnicos que tamén viven dos espectáculos en vivo, da cultura e da música. “Eu penso que houbo moita xente que o pasou moi mal e que non se dotaron de recursos, xa non económicos, senón humanitarios”. Ademais, o compositor tamén o foco nos artistas emerxentes e músicos locais: “hai que apoiar sobre todo á xente que está comezando e que van formar o futuro da música”.

Pola contra, Guadi Galego considera que durante este período as institucións si que tomaron conciencia de que a cultura é necesaria, “pero iso non signfica que as medidas fosen as adecuadas”. “Falta darlle forma a como se quere vivir a cultura, que é o que queremos facer con ela, como a queremos poñer en valor, o que significa para a sociedade… e as institucións teñen que estar aí, claro”.

Un futuro incerto 

Ante esta situación, os músicos e artistas expóñense a un horizonte cheo de medo e incerteza. Cando preguntamos polas súas perspectivas de futuro non nos falan de datas próximas nin de proxectos que rematar, senón das ganas e ilusión que teñen por voltar ás táboas e manter prendidos os focos do escenario. “Estamos no primeiro mundo e non imos morrer de fame, pero si se pode morrer de miseria e vivir con ela, que é moi duro”, resposta Guadi Galego.

Raúl Ben e Leo Burke, cantautor da zona de Compostela, non deixan morrer o optimismo e céntranse nas aspectos positivos que trouxo consigo a pandemia: “a xente vai ser realmente consciente do liberador e sanador que é escoitar música en directo”. O compositor parafrase a Guadi Galego para recordar que a música non pode deixar de soar, pois “é unha ferramenta capaz de quentar a alma”.

Anuncio publicitario

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: