Carmen Penim: “Non é que teña ganas de volver ao escenario, o que quero é nunca baixar del”

Carmen Penim na portada do seu novo disco, Cantos de terra e sal
Cantos de terra e sal, é o novo traballo de Carmen Penim. Esta nova colección de cancións que toma vida dos cancioneiros da Limia, de Foxo e de Filgueira Valverde, sairá á luz a finais deste mes.

Carmen Penim da o paso cun novo álbum en solitario onde os temas volven a xirar ao redor das súas paixóns: poesía, a natureza, cultura galega… Mais neste caso, trasládanos ata o Couto Mixto, a terra natal desta cantante de mundo, tamén a terra do seu pai e avoa. É unha homenaxe ao seu lugar de orixe, a súa infancia e recordos; así como unha declaración de intencións: unha reivindicación da nosa lingua e do rural galego.

Cantos de terra e sal

Carmen fala entusiasmada dos inicios deste disco e de como ten moito que ver cos vellos romances, traídos polos antigos seitureiros que saían traballar a Castela, e que se escoitaban na súa casa: “este álbum estaba pendente de hai moitos anos porque aínda que eu non son cantante tradicional, forman parte tamén da miña memoria cultural. Recordo as cousas que eu sentía cando cantaba miña avoa ou os meus familiares os romances alá no Couto Misto… E ademais, apetecíanos facer algo un pouco máis descoñecido, buscar cantos máis antigos, máis arcaicos”.

A súa conexión con este álbum non se pode definir con palabras, e dentro dun mundo no que se tende a racionalizalo todo, ela pensa que “é unha cousa máis de instinto, máis irracional, unha conexión espiritual. Algo que fai un click e dis tu, este. Temos que facer este tema.” A pena sempre é que algúns temas cos que artista conecta teñen que quedar fóra: “Hai un momento, que aínda que doe un pouquiño, tes que poñerlle fin. Todos son bonitos pero non podes gravalos todos”. De aí, que fixera de Cantos de terra e sal un traballo aberto, no que casi seguro haberá unha segunda parte.

“Se ao mellor es unha persoa moi purista podes non estar de acordo con como fai a cantante esta versión. En cambio, (a Xose Lois Foxo) encantoulle”

Carmen Penim

Atoparon unha antoloxía de Xose Lois Foxo por casualidade, e tras ir a coñecelo rematou tendo no seu poder tres delas: “Temos tres antoloxías que van por comarcas, de maneira que puidemos meter unha canción do Bierzo -co seu galego particular – e cantares tamén da Limia, cantares máis mariñeiros…”. Define o xesto de Xose Lois de darlles “un tema inédito” como un acto de “enorme xenerosidade”. Este romance é “unha canción que il recolleu, pero non incluiu en ningunha antoloxía”, por isto mesmo Carmen tamén sentía moita responsalibilidade: “Se ao mellor es unha persoa moi purista podes igual non estar de acordo con como fai a cantante esta versión. En cambio, encantoulle e estou moi contenta porque penso que é unha pequena xoia dentro do disco. É moi particular.”

Muller de mundo e de intencións

Carmen crea a súa música dende o que ela é, sen pensar, simplemente sendo honesta ao cen por cen coa súa personalidade. Considérase unha persoa moi heterodoxa, na que caben moitos mundos: “Eu vivín fóra e ademais nun ambiente multicultural, con xente do Medio Oriente… Tamén estiven casada cunha persoa árabe. Vivín en Italia. Ademais son amante do jazz e da música contemporánea…” Entre risas comenta que ten “unha mestura un pouco indecente na cabeza” pero a cal ao mesmo tempo négase a renunciar. “Isto é tan galego como calquera outra cousa porque eu son galega. Eu son así, e polo tanto, permítome esa licenza.” 

“Calquera persoa agora que faga musica en galego xa está facendo unha declaración de intencións”

Carmen Penim

O compromiso é algo o que tampouco renuncia nunca. O galeguismo, o feminismo, a migración… todo se reflicte na súa música dun xeito ou outro: “Tal e como está a cuestión lingüística en Galicia, calquera persoa agora que faga musica en galego xa está facendo unha declaración de intencións. Con Herdeiras, ao escoitar a historia das mulleres represaliadas durante e despois da guerra do 36, eu sentín a necesidade de facer ese disco… En Cantos de terra e sal, reivindico ao mundo rural que estamos deixando morrer e ao que hai que darlle valor.” 

“Non me interesa educar ovelliñas

Carmen Penim

Este xeito de ver a vida tamén o acompaña dando clase. Para ela a educación ten que ser crítica, reflexiva e totalmente alonxada da reprodución de datos que adoitamos coñecer. “Interésame que me leven a contraria, que exploren, que poñan en cuestión as cousas… O sistema está feito para estar sentados, para escoitar, e non cuestionar, pero este sistema está obsoleto. Aí tamén hai un compromiso cun tipo de cidadán diferente. Non me interesa educar ovelliñas”.

Artista de escenarios

Durante o confinamento tivo a posibilidade de facer tres concertos a través da rede e, para ela foron simpáticos á par que especiais, pola situación e tamén polos intercambios co público a través das redes sociais despois deles. Comenta que “sorprendentemente” foron vistos por moita xente: “Eu quedei alucinada, e ademais, foi bonito porque hai xente que nunca pode ir a un concerto teu porque xa é moi maior, porque vive lonxe, ou porque ten xente miuda na casa e non llo permite o horario… E nesta ocasión pois aproveitaron”.

“Disfruto moitísimo do escenario e da comunicación que se establece co público. Encántame dende sempre”

Carmen Penim

Carmen Penim é unha das artistas afortunadas dentro destes tempos difíciles e atípicos para a cultura, xa que “despois do confinamento tivemos a sorte de non parar. Temos varios concertos previstos”. De feito, tamén ten sorte de que así sexa, porque o seu hábitat natural é a escena: “eu ao escenario, non é que teña ganas de volver e que, o que quero é nunca baixar del. Eu son unha besta de escenario. Disfruto moitísimo del e da comunicación que se establece co público. Encántame dende sempre.”

Onde é máis artista? No estudio síntese ben: “É bonito, sobre todo cando ves o resultado. Pero sempre ten un aquel de sufrimento porque non tes a enerxía do público e despois as condicións nas que gravas son moi diferentes”. Mais queda claro que Carmen Penim é artista de tablas.

Publicado por Nerea Couso

Crecendo, aprendendo, madurando. Non importa cando leas isto.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea tu sitio web con WordPress.com
Comenzar
A %d blogueros les gusta esto: