Beatriz Camiña: “Necesítase dar a coñecer e poñer en valor o infinito talento feminino nas diversas artes”

Evento de Belém Tejas o pasado setembro. CRIS ANDINA.
A edición deste ano remata a súa programación a fin de semana do 28 e 29 de novembro

Elas Son Artistas autodefínese como un “micro festival, un evento artesán de cultura no que as mulleres creadoras son as protagonistas». Así pois, é un festival que abrangue as distintas artes (poesía, danza, teatro, pintura, escritura, audiovisual e, sobre todo, música) e que busca poñer de relevo o talento feminino de Galicia.

A pandemia da Covid-19 afectou substancialmente ao seu desenvolvemento, mais as responsables desta iniciativa non se deron por vencidas. Esta edición Elas Son Artistas viviu un proceso de reconversión, deixando de ser un festival para conformar un ciclo cunha duración máis prolongada no tempo, tal e como nos conta Beatriz Camiña, codirectora e xefa de prensa.

Como nace Elas Son Artistas?

O proxecto parte dunha iniciativa de Yolanda Villa, xerente da sala Mardi Gras da Coruña. Ela é, ademais, unha das fundadoras da asociación MIM Mulleres da Industria Musical e levaba anos traballando para que a programación da sala tivese unha ampla presenza feminina.

En 2017 xorde a oportunidade de presentarse á convocatoria de Premios pola Igualdade da Deputación da Coruña Luisa Villalta, e o proxecto Elas Son Artistas é un dos gañadores. Ese premio permitiu dar o impulso que precisaba unha idea para converterse en realidade.

Con que fin ou fins se decide poñer en marcha un festival deste tipo?

Pensamos que estamos a cumprir múltiples obxectivos. O primeiro é o de dar a coñecer e poñer en valor o infinito talento feminino nas diversas artes. Elas Son Artistas está aberto a todo tipo de expresión artística: poesía, danza, teatro, pintura, escritura, audiovisual e, sobre todo, música.

Partindo desa idea inicial logo chega a aposta por facer un evento que abarque toda a Área metropolitana da Cidade da Coruña, que está formada por dez concellos. A cultura non entende de barreiras administrativas, queremos que a xente circule con naturalidade dun concello a outro sen darlle importancia de onde sucede o evento.

Logo está unha reivindicación pola igualdade, algo que se traballa de xeito transversal, incluso con xornadas profesionais na que nos atopamos persoas da xestión con artistas e persoal das administracións. Ofrecemos espectáculos de pago e tamén gratuítos, con isto tentamos chegar a todo tipo de públicos.

E tamén damos importancia a combinar artistas xa moi consolidadas como Amparanoia, xunto a outras que comezan a súa carreira como pode ser a cantautora Lau, que estará o 29 de novembro en Carral.

Sen esquecer, por suposto, xerar emprego digno para todas as persoas implicadas.

«A cultura non entende de barreiras administrativas»

É verdade iso de que ‘Elas Son Artistas’?

En realidade pensamos que todas as mulleres son artistas por todo o que fan no seu día a día. Dende as súas profesións, a ese tempo que adican moitas veces aos coidados, a poñer agarimo nun prato que cociñan… Elas son Artistas quere ser, dende o nome, unha homenaxe a cada muller.

Cal foi a súa acollida en edicións anteriores?

Estamos moi felices con este proxecto dende a primeira edición. Que sete concellos -na actual xa son oito- unan as súas forzas para sacar adiante un proxecto complexo e sen intención de ofrecer espectáculos para grandes masas é xa un punto de partida estupendo. A implicación das artistas, as ganas coas que chegan dende toda España, incluso algunha dende o estranxeiro, para actuar e logo ver a satisfacción do público cando remata todo, é estupendo. Só levamos tres pero pensamos que paseniño, isto vai calando.

«Todas as mulleres son artistas por todo o que fan no seu día a día»

Como foi o proceso de reinvención para adaptar esta nova edición ás imposicións da pandemia?

Moi moi laborioso. Todo estoupou cando estabamos a practicamente un mes de que comezase o festival. Nas primeiras semanas da pandemia pensamos “é imposible que nos podan ter metidos en casa máis de dous meses”, e reprogramouse todo para mediados de xuño. Cando vimos que non ía ben a evolución tomamos a decisión de mudar o concepto: de festival a Ciclo. E tentamos celebrar todos os eventos que foron posibles. A día de hoxe, excepto tres que agardamos poder retomalos en 2021, o resto puidemos levalos a cabo comezando o 3 de xullo e rematando a fin de semana do 28 e 29 de novembro cun Obradoiro de pintura mural impartido pola Cooperativa 7H e que finaliza o domingo coa actuación de Lau, que comentamos previamente.

Cal está sendo a resposta por parte da xente, concellos e demais entidades involucradas no festival?

As artistas están moi felices participando en Elas Son Artistas. Cremos que temos un pequeno prestixio por tratalas ben e ter detalliños que agradecen. E o público que se achega é moi respectuoso. Saben ao que veñen. Logo os Concellos están a poñer todo da súa parte para que o festival se consolide. Case todos repiten ano tras ano e imos sumando novos concellos. Non descartamos levar eventos por toda Galicia, Elas Son Artistas é unha marca que temos rexistrada. E logo están as empresas que nos axudan que apostan pola cultura, incluso nalgún caso cunha presenza pequena a nivel visual pero con aportacións importantes por convicción da importancia da cultura nas vidas da xente. Este ano en concreto contamos co apoio dunha entidade non moi coñecida que é a Asociación de Intérpretes e Executantes (AIE) que fai unha labor espectacular de recadar os dereitos que se xeran por cada interpretación en discos, en directo e que é totalmente gratis para as artistas formar parte dela, aínda así, moitas persoas do sector descoñecen o seu traballo. E ademais, teñen unha partida para apoiar iniciativas como Elas Son Artistas. O mecenado cultural é clave para que sobrevivan este tipo de proxectos.

«Non descartamos levar eventos por toda Galicia»

Cales son as expectativas para vindeiras edicións?

Manternos vivos nesta situación xa sería un logro importante –risas-. Imos confiar en lograr iso. A nosa intención non é medrar en canto a programar a artistas que todo o mundo quere ver. Atopar pequenas xemas que no futuro é posible cheguen a moita xente co seu talento é unha das nosas teimas. Se a xente que asiste a un evento de Elas Son Artistas ve algo que paga a pena, vai querer repetir, estará pendente do resto da programación, recomendará que veñan as colegas… Ogallá podamos celebrar o quinto aniversario cunha grande celebración colectiva convidando a Galicia a todas as artistas que teñan participado ata ese momento. Iso si, precisariamos que nos tocase a lotería, pero soñar é sanísimo tamén. Non miramos máis alá.

Publicado por Paula Ferreira Boquete

Estudante de Xornalismo na USC.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea tu sitio web con WordPress.com
Comenzar
A %d blogueros les gusta esto: