‘A poeta analfabeta’: un percorrido íntimo pola vida de Luz Fandiño

O filme documental sobre a escritora de Sar, que toma por título un dos seus versos, trasladou á gran pantalla a historia dunha icona que triunfa entre a xuventude como exemplo de loita

Luz Fandiño, escritora e activista galega, leva décadas exercendo de figura protagónica na escena revolucionaria de Compostela, do país, e mesmo de boa parte do estranxeiro. Agora a súa historia salta á gran pantalla en A poeta analfabeta baixo a dirección de Sonia Méndez e a produción de Nati Juncal, fundadoras de Cósmica Producións.

Debido ás restriccións impostas pola pandemia da Covid-19, foron só sesenta -trinta en cada sala- os afortunados que tiveron a oportunidade de adentrarse dende as butacas de Numax e do Salón Teatro no fogar de Luz, facilmente recoñecible para moitos polos bonequiños de lá que ateigan cada un dos seus recunchos. As invitacións para a estrea do documental o pasado 12 e 13 de novembro, no marco do festival Cineuropa, foron esgotadas apenas nun intre, pois a expectación era unánime.

Dende hai un ano, Méndez e Juncal foron alimentando a fame de coñecer en profundidade as vivencias da poeta mediante pequenos retrincos do proceso de gravación pendurados no muro das redes oficiais da obra. Así, cando por fin chegou o momento de amosar a peza audiovisual de xeito íntegro, a emoción inundou tanto ás creadoras como á protagonista e aos espectadores, que agardaron ás portas do Salón Teatro para agasallar a Luz cun cálido aplauso rebosante de admiración.

//www.instagram.com/embed.js

Un berro herdado

A pesar de que a activista de Sar asegura que a súa voz “non lle é grata a moita xente”, Fandiño séntese no deber de transmitir o que a súa nai e avoa conseguiron inculcarlle cando era nova. Tanto é así, que o recordo do matriarcado no que medrou domina a maior parte do relato cinematográfico. E é que as experiencias infantís que tan ben lembra -sempre fai alarde da súa boa memoria mesmo con moi curta idade- labraron a súa personalidade brava e reivindicativa.

Para Luz, as mulleres da súa vida foron a mellor escola que puido recibir. Cando tiña só oito anos, a súa nai, limpadora na rúa das Orfas, cantoulle por primera vez a Internacional, que confesa que lle soou “coma unha promesa, unha esperanza”. Mentres no colexio tentaban meterlle medo aos cativos arrementendo contra os “rojos e comunistas”, a figura materna reafirmouse coma unha deles e a nena Luz mudou á perspectiva.

A poeta séntese no deber de transmitir os valores e educación que a súa nai e avoa lle inculcaron cando era nova

Foi precisamente durante a súa formación escolar onde Fandiño experimentou un dos actos de represión contra a lingua máis brutais que recorda. Así, a poeta adoita narrar con ira como no Colexio da Milagrosa, o único centro gratuíto da época, batían a ela máis aos seus compañeiros nos dedos cunha regra cando pronunciaban unha tímida verba en galego.

Esta dolorosa lembranza agromou inconscientemente anos máis tarde durante a súa estancia en Arxentina en forma duns dos seus primeiros poemas. Os versos, que se refiren á que era a única lingua oficial naquel entón coma unha fala “peor que ás dos cans” suscitaron unha gran controversia e polémica.

Fuxir para atopar o idioma

En 1952, reclamada por tías e curmáns da súa nai finada un ano antes, Luz cruzou o Atlántico para emprender a viaxe máis intensa da súa vida. Os familiares alí afincados, segundo relata a poeta, fixéronlle a vida imposible: “estaba maltratada e malcomida”. Con todo, por obra e gracia do idioma, Fandiño atopou a milleiros de quilómetros da terra a súa verdadeira vocación e refuxio.

A Biblioteca do Centro Galego de Bos Aires e o responsable da mesma, Luis Ares, foron testemuñas do espertar da activista á cultura galega. Luz descoñecía o que era unha biblioteca, mais entrou decidida a mercar un libro que achou aberto nun expositor e no que se atopou de cara o poema O carro, de Ramón Cabanillas. “Non me leves a Castela, que non quero nada dela, xa que renegou de nós”, foron os versos que bastaron para que a de Sar se sentira fondamente identificada. “Eu convertinme nese carro, eu sentín a súa dor, que era a miña”.

Luz espertou á cultura propia en Arxentina, onde comezou a escribir versos en galego

Tralo intento de intercambiar o libro por unha cantidade monetaria, o señor Ares tivo a obriga de explicarlle a Luz o funcionamento da biblioteca, e dende aquel momento revelador acudiu todos os xoves a devorar a escrita en galego. A primeira obra que o bibliotecario lle descubriu foi a de Rosalía, que provocou na poeta unha fonte de emocións que non a abandoaron ata o día de hoxe, no que a considera unha musa.

Foi así como agromou o seu desexo de escribir en galego, tarefa na que Luis Ares a alentou a pesar de que dicía non ter coñecemento. “Escriba como lle saia e despois xa consultaremos o mataburros -dicionario- ”. Dende aquel intre a poesía instalouse dentro de Luz para sempre.

O pracer de envellecer

“Dende que empecei a escribir síntome mellor conmigo”. Así, dende o ano 2000 os seus poemas están recollidos por anos, conformando unha bibliografía entre a que se atopan títulos coma Latexos, Utopías, Vivir é vibrar, Fíos de luz de lúa ou O pracer de envellecer.

«A miña loita é que ningunha criatura pase fame de comer e fame de escola»

As verbas libres de Luz artellaron unha poesía que é arma da que se serve para loitar contra as inxustizas sociais, das que confesa non soportar. Na primeira liña das manifestacións coñeceu á xuventude á que tanto lle debe é na que deposita a súa confianza cega. Tanto é así que aos seus 88 anos a totalidade do seu cadro de amizades está composto por xente máis nova que ela.

“A miña loita é que ningunha criatura pase fame de comer e fame de escola”, por iso Luz segue a coller o seu bolígrafo incensante para plasmar no papel todo aquilo que merece ser berrado a pesar de que ela non se considera poeta, senón “amante da poesía”. Hoxe o seu clamor xa supera todas as barreiras co saltó á gran pantalla, unha conquista máis na vida da ‘poeta analfabeta’.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea tu sitio web con WordPress.com
Comenzar
A %d blogueros les gusta esto: